Moitos cidadáns sentímonos descontentos coa clase política.
Demasiado a miúdo habemos de asistir a debates estériles afastados das situacións que verdadeiramente nos preocupan, a campañas electorais cheas de mensaxes baleiras, con promesas que rompen sistematicamente e sen ningún pudor.
Padecemos as consecuencias dunha xestión pésima do diñeiro público sen que ninguén queira asumir responsabilidades por iso. Sentímonos utilizados cando só se acordan de nós cada catro anos. Periodicamente, habemos de escoitar insultos e descualificacións que rapidamente se esquecen cando do que se trata é de formalizar un pacto para repartirse concellarías, consellarías ou ministerios. Vémonos impotentes contemplando como se evita a pluralidade de alternativas, mantendo os privilexios dos partidos de sempre. En definitiva, estamos cansos de ter que convivir coa sensación de que nos toman o pelo.
Ante esta situación, moitos cidadáns quixeron mostrar o seu malestar mediante o voto en branco, o voto nulo ou a abstención. As devanditas opcións, non obstante, mostráronse ineficaces por dúas razóns:
- A súa escasa repercusión mediática, a pesar das cifras nada desprezables que chegaron a alcanzar.
- A súa indefinición, debido ao feito de que a normativa electoral non asigna ningunha representación nin significación concreta a estas opcións e iso fai que calquera significado que se lles queira atribuír se esvaia entre os moitos posibles (voto de castigo, voto de conformidade, indiferenza, indecisión, esquecemento, consigna política, etc.).
Coa intención de ofrecermos unha resposta fronte esta situación, un grupo de cidadáns decidimos concorrer ás eleccións coa intención de deixar baleiro calquera escano que poidamos chegar a obter, rexeitando toda clase de remuneración persoal derivada deste feito.
Coa posta en marcha desta iniciativa,pretendemos:
- Facer visible, de maneira inequívoca, o descontento dunha parte importante da cidadanía cunha clase política pola que non se sente representada.
- Captar a atención dos medios de comunicación e da sociedade en xeral cunha acción orixinal e innovadora, ao tempo que democrática, que contribúa así, a xerar un debate público centrado nos déficits do noso sistema de representación.
- Presionar á clase política e aos seus partidos para que se esforcen moito máis en desenrolar a súa actividade con ética e respecto, promovendo iniciativas de goberno e lexislativas que fomenten a participación dos cidadáns máis alá dos comicios que acontecen cada catro anos.
O final deste proceso conduciría a unha necesaria modificación da lei electoral, no senso de recoñecer o dereito dos electores a faceren uso dun tipo de voto exclusivo, pensado para todos aqueles cidadáns demócratas que, descontentos coa labor dos seus representantes, non atopasen en ningunha lista electoral unha alternativa que os satisfaga. Este voto poderíase ter en conta a todos os efectos como o dunha candidatura máis, e, caso de conseguir algunha representación, esta materializarase en forma de escanos baleiros.
Escanos en Branco aposta desta maneira decidida, porque sexa o voto en branco o que, tras unha conveniente reformulación, remate desempeñado esa función, ao interpretar que, dado que son xa moitos cidadáns que recorren a este voto, como unha forma de canalizar a súa indignación, resultaría a opción máis natural e adecuada.
Escanos en Branco autodisolverase cando dito obxectivo se acade.